PORTO DO SON> O presidente da Xunta visitou o concello de Porto do Son para coñecer o resultado da reforma da fachada marítima. Esta obra supuxo un antes e despois no bordo litoral da localidade que volveu abrirse ó mar.
A integración do núcleo urbano na zona portuaria foi a principal premisa deste ambicioso proxecto que veu mudar por completo a fachada marítima de Porto do Son. A reforma realizouse en tres zonas diferenciadas: o miradoiro do cruceiro, o parque central e o edificio de servizos náuticos co miradoiro a Monte Louro.
O presidente da Xunta destacou a importancia deste tipo de actuacións que favorecen a convivencia do pobo e o porto, mantendo a actividade pesqueira como piar económico das vilas costeiras.
Este investimento vense sumar ás numerosas actuacións previstas pola Xunta no municipio como o novo colexio de Portosín e a recuperación da praia de Coira, o novo centro de saúde de Porto do Son, a depuradora de Queiruga e as melloras nas lonxas de Portosín e Porto do Son.