O Salnés bota man dos Next Generation para o impulso do turismo sostible

CAMBADOS> O alcalde de Cambabados e o Delegado do Goberno en Galicia coincidiron hoxe no miradoiro da Barca, na parroquia de Castrelo. Alí vaise crear unha zona de lecer grazas a unha partida dos fondos Next Generation que está a xestiona-la Mancomunidade do Salnés dentro do seu plan de turismo sostible. Ao longo deste ano o organismo comarcal xestionará dous millóns de euros para impulsar proxectos deste tipo.

Esta zona da Barca, na parroquia cambadesa de Castrelo, converterase nunha área de lecer con vistas á ría grazas aos fondos Next Generation. Logo de ser aprobado, o proxecto atópase agora mesmo en fase de redacción. Para o alcalde, suporá a posta en valor dun espazo con moito valor paisaxístico.

A proposta de Cambados inclúe outro miradoiro en Castrelo, puntos de recarga de bicicletas eléctricas e varias zonas wifi. Todo este paquete de melloras inclúese dentro do plan de turismo sostible da Mancomunidade do Salnés, que ten que xestionar ao longo deste ano máis de dous millóns de euros procedentes dos fondos europeos.

O alcalde aproveitou a visita para presentarlle ao delegado outros proxectos nos que está a traballa-lo concello. Vaise solicitar unha axuda europea para a rehabilitación de dous edificios públicos: a Cámara Agraria e o pavillón do Pombal.

Nesa zona do Pombal tamén se vai solicitar outra axuda para a creación dunha nova área de lecer, que inclúe unha pista de skatepark, unha zona de exercicios de calistenia e un parque canino. Para iso, o concello está a tramita-la súa adhesión á rede de cidades saudables co obxectivos de captar fondos para ese proxecto que, polo de agora, non ten data.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí