MEIS> Dez adegas da comarca do Salnés beneficiáronse dunha liña de axudas da Xunta para a reconversión de viñedos. Medio Rural repartiu entre elas 350.000 euros. Unha delas foi Terra de Asorei, que aproveitará a achega de 72.000 euros que lle concederon para a creación dunha nova plantación de catro hactáreas en Agudelo, no concello de Barro.
39 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas beneficiáronse das axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Medio Rural repartiu entre elas 1,5 millóns de euros para proxectos que transformen o sector cara a un modelo máis sostible. Na comarca do Salnés foron 10 as adegas que se beneficiaron desta liña de axudas, cunha achega global de 350.000 euros.
Unha das adegas que se beneficiu destas axudas é a meisina Terra de Asorei. Cunha achega de 72.000 euros farán unha nova plantación de catro hectáreas en Agudelo, no concello de Barro.
Nesa liña, dende Terra de Asorei poñen en valor esta aposta da Xunta por seguir transformando o sector a prol da sostibilidade, ao tempo que se fomenta a profesionalización e internacionalización do sector. Consideran clave a colaboración público-privada.
E consideran fundamental seguir mantendo esa colaboración entre administracións nun contexto de incertidume global que ameaza con ter tamén o seu impacto no sector.











