SANXENXO> A Audiencia Provicinal de Pontevedra retira unha orde de afastamento a un mozo de Sanxenxo que, presuntamente, leva case un ano acosando a unha moza da localidade de tan só 20 anos. A familia denuncia que o varón leva tempo ameazando á rapaza e que mesmo tentou acabar coa súa vida atropelándoa. Tras 20 denuncias, solicitan medidas para protexer á vítima, entre elas, esa orde de afastamento que lle acaban de retirar. Entre tanto, o pai da moza está a durmir no coche, diante da casa, para protexer a súa filla.
Con tan só 20 anos, unha moza de Sanxenxo está a vivir o seu peor pesadelo. A finais do ano pasado decidiu deixar a un rapaz da localidade, co que mantivera unha relación dun mes. O varón acabouse convertendo no seu acosador. Segundo denuncia, as ameazas son constantes: nalgúns casos, pegadas en pedras que deixa diante da súa casa; noutras ocasións, a través das redes sociais, con mensaxes dende perfís falsos. O peor episodio puido ter un desenlace tráxico: o mozo tería intentado matala levándoa por diante co coche. Foi mentres ela montaba a cabalo na compaña dun amigo, agora testemuña.
Ese episodio levou á moza a solicitar unha orde de afastamento. Unha medida que, tras ser aprobada polos xulgados de Cambados, vén de ser retirada pola Audiencia Provicnial de Pontevedra.
Pero á vista de todo o acontecido no último ano, entende a avogada da vítima, o risco parece máis que evidente. Cre que a orde de afastamento é unha medida cautelar que neste caso sirve para protexer á rapaza.
Co recente crime de Barro na retina e despois de 20 denuncias, a familia está a vivir un auténtico calvario. O pai da moza mesmo está a durmir no coche, ás portas da vivenda familiar, para protexer a súa filla.
A avogada da vítima aproveita para reflexionar sobre o retroceso que estamos a vivir en materia de igualdade. Amosa a súa sorpresa por episodios deste tipo entre a rapazada.
Á espera de coñecer se a xustiza determina de novo unha orde de afastamento contra o varón, a moza conta cun dispositivo telefónico que conseguiu grazas ao Centro de Información á Muller de Sanxenxo, ao que acudiu pedindo axuda.