SANXENXO> A balaustrada de pedra seguirá en Silgar. O alcalde de Sanxenxo aclarou este martes as dúbidas sobre o proxecto de reforma do paseo marítimo. Telmo Martín apunta que se fará un reforzo da varanda con elementos de aceiro inoxidable nos últimos 120 metros do paseo para cumprir a normativa de seguridade. O rexedor dálle así carpetazo á polémica xurdida na vila, garantindo que non se van retirar as partes de pedra. A pesar de que no primeiro anuncio do concello se falaba de ‘substitución’, o alcalde tacha de ‘bulos’ as informacións que apuntaban á súa retirada.
Como un bulo. Así define Telmo Martín a polémica xurdida en Sanxenxo polo proxecto de renovación do treito final do paseo marítimo de Silgar. Este martes, o alcalde aclarou que a balaustrada de pedra non vai desaparecer.
Martín apunta ao cumprimento da normativa para reforzar a seguridade nesa zona do paseo con elementos de aceiro inoxidable combinados coa pedra. Como nesta zona vaise actuar nas beirrarúas, explica, están obrigados a intervir na varanda.
O alcalde cre que a combinación de pedra e aceiro inoxidable traducirase nun embelecemento da contorna, non en feísmo.
A polémica xurdiu en Sanxenxo logo desta publicación do propio concello, que anunciaba a substitución da varanda por unha de aceiro inoxidable. O alcalde asegura que iso nunca se contemplou e que foi un erro á hora de explicar o proxecto. Sobre a concentración convocada para este venres polo BNG.
O proxecto de mellora desta zona inclúe tamén renovación de beirarrúas neste treito final do paseo. Ademais, crearase unha plataforma única de adoquín en toda a parte do paseo que aínda non dispón dela, para a mellora da mobilidade. A actuación conta cun orzamento de case 400.000 euros, financiada case ao 50% pola Xunta. A previsión do concello é que estea rematada antes do 15 de xuño.











