CALDAS> A planta de Clesa de Caldas aspira a multiplica-la súa produción ‘por vinte’ nos vindeiros anos. A compañía vai investir case 13 millóns de euros para amplia-la infraestruturza, comezando pola creación de dúas novas liñas de produtos de valor engadido. Ademais, a súa dirección valora acollerse a novas liñas de axuda para o sector do Goberno Central.
Clesa continúa avanzando na súa consolidación como a primeira empresa de España na fabricación de iogures. A compañía pasou de estar ao borde da extinción a mirar agora cara ao futuro con gran ambición, logo da súa incorporación á cooperativa láctea CLUN no 2012. Nos vindeiros anos a planta de Caldas aspira a multiplicar ‘por vinte’ a súa produción, logo de ver incrementado xa o seu cadro de persoal.
Eses investimentos roldan os 13 millóns de euros para o conxunto do grupo, dos que o 90% destinaranse á planta de Caldas. Servirán para mellora-lo conxunto da infraestrutura, comezando pola creación de dúas novas liñas de produtos de valor engadido.
Ademais, a compañía baralla acollerse ás novas liñas de axuda para a industria agroalimentaria que vai lanzar o goberno central. Esta mañá, o delegado do executivo en Galicia trasladoulle á dirección os detalles desa nova liña de axudas. Para o conxunto do estado, vanse mobilizar máis de 1.000 millóns de euros.
Outro dos obxectivos que persegue esta liña de axudas é garanti-lo relevo xeracional no sector, así como a plena inclusión da muller no sector agrario.
O plan estratéxico do goberno central inclúe unha primeira liña de 400 millóns de euros para a mellora dos procesos de produción, seguida doutros 450 millóns para a adaptación dixital do sector, xunto con outros 150 millóns para o fomento do I+D+i.












Comments are closed.