Unha falecida e un ferido grave nun accidente de tráfico en Caldas

CALDAS> Unha muller falecida e un ferido de gravidade. Este é o tráxico balance que deixa o accidente de tráfico de primeira hora da mañá en Caldas de Reis. Unha furgoneta e un turismo colidiron de xeito frontal, despois de que o vehículo da falecida invadira o carril contrario. As primeiras hipóteses apuntan a que puido quedar durmida.

Ao redor das 7 e media da mañá, unha pontevedresa de 48 anos falecía nun choque frontal cunha furgoneta cando circulaban pola nacional 550. As primeiras hipóteses apuntan a que a muller quedou durmida ao volante, e rematou por invadir o carril contrario.

Nese momento, colidiu cunha furgoneta que circulaba en dirección Pontevedra. No vehículo ían tres homes, de 43, 47 e 48 anos. Este último era o que conducía a furgoneta, resultou ferido de gravidade e foi trasladado por unha ambulancia medicalizada ao hospital Montecelo. Ata alí tamén levaron os outros dous ocupantes, que resultaron feridos leves.

Ademais da Garda Civil e do 061, foron mobilizados Policía Local e Bombeiros do Salnés, xa que foi necesario escarcerar o cadáver da muller.

O forte accidente obrigou a desviar o tráfico polo centro de Caldas, provocando importantes retencións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí