CAMBADOS> Unha dedicación exclusiva e catro parciais para o goberno bipartito de Cambados. Este é o acordo ao que chegaron hoxe Partido Socialista e Somos. Fátima Abal será a única que se dedicará a tempo completo ao concello. Pola súa banda, as parciais serán dúas para os socialistas e outras tantas para a formación encabezada por Tino Cordal. Este é o acordo que levarán ao pleno do luns, no que tamén se dará conta da distribución das concellerías. Ademais, Fátima Abal mantén a porta aberta á integración do BNG no executivo.
Cambados celebrará o luns ás 9 da noite o seu pleno de organización. A alcaldesa xa asinou o decreto no que se establece a distribución das concellerías entre os edís de PSOE e Somos, en base ao acordo asinado antes do pleno de investidura.
Seguridade Cidadá e Mobilidade pasarán a mans de Tino Cordal, de Somos, que tamén se convirte no primeiro tenente de alcalde e mantén Servizos Sociais e Terceira Idade. O número dous dos socialistas, Samuel Lago, será o segundo tenente de alcalde e asume Obras e Servizos. Xurxo Charlín, da formación encabezada por Cordal, continúa á fronte de Economía, Facenda e Industria, e suma Urbanismo e a terceira tenencia de alcaldía. Fátima Abal, pola súa banda, mantén Persoal, Igualdade e Emprego, e dirixirá as concellerías do BNG, aos que mantén a man tendida.
Sobre as liberacións, só a alcaldesa terá dedicación exclusiva. Si haberá catro parciais, que se repartirán entre Xurxo Charlín e Carolina Aragunde, por parte de Somos, e Cruz Leiro e Samuel Lago pola banda socialista. En canto aos salarios, partirán das contías de hai catro anos coa suba do 6% do IPC: serán 42.400 euros no caso de Fátima Abal e 23.800 nas dedicacións parciais. Este é o acordo ao que chegaron as dúas forzas, pero agora precisan do apoio da oposición para sacalo adiante.
En canto ao resto de áreas, a socialista Cruz Leiro será a cuarta tenente de alcade, e encargarase de Turismo e Enoturismo, e o seu compañeiro David Mesías estará á fronte de Xuventude. Pola súa banda, a edil de Somos Carolina Aragunde asume Comercio e Promoción Económica, Infancia e Novas Tecnoloxías.