CALDAS> 12 alumnos do IES Aquis Celenis de Caldas participarán nun concurso da Axencia Espacial Europea de construción e lanzamento de satélites. Os estudantes encargáronse de crear toda a tecnoloxía para que o obxecto sexa lanzado e funcione correctamente. A primeira fase do torneo terá lugar o vindeiro xoves e o Aquis Celenis participará con dous satélites diferentes: Un especializado en medir o C02 e outro en medir a humidade para prever enfermidades nos viñedos.
A Axencia Espacial Europea desafía cada ano aos estudantes de entre 14 e 20 anos a crear os seus propios satélites espaciais a través da competición CanSat. Este reto foi recollido por Inés González, unha profesora de tecnoloxía do IES Aquis Celenis de Caldas que animou aos estudantes a participar. 12 deles aceptaron o desafío e comezaron a aplicar os seus coñecementos para crear dous satélites diferentes.
Os 12 estudantes encargáronse de todo o proceso de construción do satélite, dos programas informáticos e das antenas para transmitir a información.
Os satélites elevaranse cun dron ou un foguete ata un quilómetro de altura. E unha vez no aire os estudantes deberán controlalos para desenvolver unha misión científica que consistirá nunha parte común que terá que medir presión e temperatura e outra específica.
Os alumnos afrontaron o proxecto con moita ilusión e ganas.
A mesma ilusión que levan para afrontar a competición cuxa primeira fase será a nivel autonómico e terá lugar o vindeiro xoves en Lugo.