MEIS> Un torneo de golf para promociona-lo Camiño Portugués. Esta é a iniciativa que poñen en marcha dende a Fundación Monte Castrove, coa creación dun circuíto galaico-portugués con seis xornadas, tres de cada lado da raia. Ademais da xornada correspondente, o campo de golf de Meis acollerá tamén a gran final. A Mancomunidade do Salnés será a patrocinadora principal. Cren que se trata dun bo xeito de pormociona-lo turismo e as rutas xacobeas a través do deporte.
Unha ruta xacobea a través do golf. Esta é a orixinal proposta que están a organizar dende a Fundación Monte Castrove. Trátase dun torneo de golf con seis etapas ao longo do Camiño Portugués. Tres serán no país veciño e outras tres en Galicia, unha delas no campo de Meis. Estas instalacións tamén acollerán a gran final.
O torneo dividirase en catro categorías, incluíndo unha feminina. Calcúlase que en cada campo este torneo pode chegar a mobilizar a unhas 150 persoas. En cada xornada haberá 10 premiados, que competirán en Meis na gran final de setembro.
Na comarca do Salnés, esta iniciativa traducirase tamén nun impacto económico no sector turístico e na hostalería, máis aínda tendo en conta o perfil dos afeccionados a este deporte. É por iso que a Mancomunidade será a patrocinadora principal do torneo.
Ademais deste torneo, en Meis están a preparar xa outra nova iniciativa de cara ao mes de outubro: un torneo de escumosos galegos no que, como non podía ser doutro xeitos, Rías Baixas tamén estará moi presente.