A liquidación do orzamento de 2021 deixa ó concello de Ribeira cun remanente de 18 millóns de euros

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira deu conta da liquidación do orzamento do exercicio de 2021. O remanente de tesourería ascende a 18 millóns de euros e o nivel de endebedamento sitúase no 46 por cento. Manuel Ruíz expuxo estes datos no transcurso do pleno ordinario no que tamén se procedeu á toma de posesión da nova concelleira do BNG, Cruz Rivadulla.

O pleno ordinario de abril serviu para dar conta da boa saúde financeira da que goza o concello de Ribeira. O alcalde expuxo as liñas xerais da liquidación do orzamento do exercicio de 2021, que arroxa moi bos resultados cunha remanente de tesourería próximo ós 18 millóns de euros cunha partida para gastos xerais de 5,7. Os fondos líquidos ascenden a 8’6 millóns e a porcentaxe de endebedamento sitúase no 46 por cento.

Estes datos confirman a exactitude nos cálculos á hora de presupostar os ingresos que deron como resultado unha previsión orzamentaria moi axustada ós ingresos reais.

Ademais da exposición dos datos económicos, a orde do día incluía outros puntos. Entre eles, a toma de posesión da nova concelleira do BNG, Cruz Rivadulla, que substitúe ó, ata o de agora, voceiro nacionalista Xosé Antón Vázquez Cobas.