Rueda busca apoios no Salnés para facerse coas rendas do PPdeG

VILAGARCÍA> Alfonso Rueda continúa a súa xira por Galicia na procura de apoios para converterse no presidente do PPdeG. Hoxe fixo parada na comarca do Salnés. Nun acto en Vilagarcía, fixo un chamamento ao partido a remar todos a unha para consegui-la quinta maioría absoluta. Arroupado por dirixentes da comarca, o aínda presidente provincial reivindicou a política de proximidade e e o municipalismo.

Parada do candidato á presidencia do PPdeG na comarca do Salnés. Alfonso Rueda protagonizou esta mañá un acto en Vilagarcía. Rodeado de dirixentes populares dos concellos da zona, o candidato a suceder a Feijóo marcou dous obxectivos: primeiro as eleccións municipais do ano que vén e despois, mante-la Xunta coa quinta maioría para os populares.

Fronte a fendas e loitas internas, que sitúa no pasado, Rueda reivindica un partido unido e sen divisións. Di que as catro provincias están integradas nun proxecto común.

Rueda cuestionou a actitude do BNG e do PSdeG, que xa anunciaron que votarían en contra da súa investidura como presidente da Xunta. Sobre as críticas ao proceso interno do PP, cun único candidato, o pontevedrés defende o modelo e a súa xira por Galicia.

Na compaña de alcaldes, concelleiros e militantes da comarca, aproveitou para reivindica-la política de proximidade e o labor do municipalismo, resaltando que a súa formación sairá a gañar en todos os concellos da provincia de Pontevedra ‘sen excepción’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí