BOIRO> O concello de Boiro pon en marcha un curso de galego para persoas inmigrantes, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística en colaboración coa Cruz Vermella. Comporase dunha sesión semanal impartida por voluntarios con experiencia no eido educativo.
Aínda que xa existían cursos de español para inmigrantes, dende a Cruz Vermella de Boiro detectaron unha crecente demanda da poboación estranxeira para mellorar as súas competencias en lingua galega.
O concello de Boiro acolleu de bo grao a proposta da Cruz Vermella e dende mediados de mes porá en marcha este curso que busca favorecer a integración sociolaboral das persoas migrantes ó tempo que contribúe á normalización lingüística e uso do galego.
Esta iniciativa vense sumar a outras moitas promovidas polo departamento de Normalización Lingüística como a elaboración dunha ordenanza de uso da lingua que se atopa en fase de exposición así como numerosas accións en materia de emprendemento, ámbito dixirtal e infancia.