A oposición pedirá un pleno extraordinario para aclarar a situación de Club Boiro Voleibol

BOIRO> O BNG de Boiro insta ó executivo a reunirse cos representantes do Club de Voleibol para estudar o plan de viabilidade da entidade deportiva. Acusan ó goberno local de manter unha actitude antidemocrática ó non contestar ás demandas do club, formuladas no pleno da pasada semana.

A difícil situación económica que está a atravesar o Club Boiro Voleibol é tamén motivo de discrepancias no seo da corporación boirense. Os grupos da oposición solicitarán un pleno extraordinario para que o goberno dea as pertinentes explicacións sobre os problemas co club despois de que a pasada semana o alcalde non respondese ás cuestións do presidente da entidade formuladas trala quenda de rogos e preguntas.

Os éxitos do Rotogal Boiro que milita na Superliga xunto coa elite do voleibol a nivel nacional supoñen tamén unha repercusión e prestixio para o concello que debería, segundo os nacionalistas, cumprir cos compromisos de colaboración adquiridos co club para garantir a súa supervivencia.

Dende o BNG demandan tamén que se elabore un regulamento para a concesión das axudas a clubs e entidades en base a criterios obxectivos e xustos tal e como se aprobou en pleno hai dous anos xa que na actualidade, din, as subvencións outórganse en base ó orzamento dispoñible e criterios arbitrarios segundo estime o goberno de turno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí