O emblemático Pazo de Besada, a piques de converterse na sede dos Servizos Sociais de Poio

POIO> Avanzan a bo ritmo as obras de rehabilitación interior do Pazo de Besada, en Poio. O emblemático inmoble albergará os Servizos Sociais municipais. Ademais, crearanse varias salas polivalentes, pensadas para actividades para a terceira idade e a mocidade. Con esta reforma, que estará rematada en xullo, Poio completa o proceso de recuperación do pazo, de propiedade municipal dende hai vinte anos.

Un século despois da súa construción, o emblemático Pazo de Besada recupera todo o seu esplendor. O concello de Poio está a acomete-la súa reforma interior coa intención de trasladar para alí os Servizos Sociais Municipais. O proxecto inclúe tamén varias salas para actividades para a terceira idade e a mocidade.

O Pazo foi residencia do ministro de Asuntos Económicos da Restauración, Augusto González Besada. É de titularidade municipal dende hai vinte anos. O alcalde de Poio salienta que coa súa rehabilitación interior complétase un longo proceso que permite abrilo a toda a veciñanza. Unha operación que conta cunha achega de máis de medio millón de euros do Plan Concellos da Deputación.

A presidenta provincial salienta que o proxecto ideado polo Concello non só permite recuperar un valioso patrimonio, senón que ademais se lle dá un uso aberto á cidadanía.

Calcúlase que as obras han rematar no mes de xullo. O Concello, iso si, non prevé polo de agora máis actuacións na parcela, máis alá do mantemento do xardín. Un espazo que conta con especies senlleiras e está fortemente protexido por Patrimonio, que só permite actuacións de conservación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí