Campelo volve brindar con cervexa no seu Oktoberfest

POIO> O Oktoberfest regresa a Campelo, no Concello de Poio. A cita terá lugar entre este venres e o sábado. Por suposto, non faltará a cervexa nin a gastronomía, a música e as actividades para a rapazada. Ademais, o evento contará cunha liña de autobús circular ata o centro de Pontevedra, para evitar ter que colle-lo coche.

Unha cita para todos os públicos na que a protagonista é a cervexa. O Oktoberfest regresa a Campelo, tras dous anos de parón. Volve manténdose fiel ao seu espírito de converte-la praza da Granxa nun punto de encontro para pequenos e maiores. Porque aínda que a que manda é a cervexa, hai actividades para tódolos públicos.

A oitava edición mantén tódolos ingredientes das anteriores citas. Ademais da mellor escolma de cervexas, tamén haberá diferentes pratos, como salchichas, hamburguesas ou codillo. Ademais, mantendo os prezos.

La Quinquillada, Piñeiros Bands, Monoulious Dop ou Gin Toni’s serán os protagonistas da parte musical. Canda eles, propostas para a rapazada, incluíndo un servizo de ludoteca.

Ademais, a organización volve poñer en marcha un autobús circular entre Campelo e o centro de Pontevedra, para evitar que a xente colla o coche, entre as 9 da noite e as 3 da mañá. E fan un chamamento á responsabilidade, evitando achegarse en coche ata Campelo se se ten intención de beber. Porque festa si, pero sentido común ante todo.