PONTEVEDRA> Os traballadores de Ence retoman as mobilizacións. Comvocados polo comité de fábrica, un pequeno grupo concentrouse ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Demandan que se convoque xa a Mesa de Diálogo. O executivo central comprometérase a celebralo antes de finais de abril, pero aínda non hai data.
Despois de bastante tempo sen pisa-las rúas da cidade de Pontevedra, volven as mobilizacións de Ence. Desta volta foi convocada polo comité de fábrica, que reuniu diante da Subdelegación do Goberno na cidade un reducido grupo de traballadores, baixo un máis que amplo dispositivo policia. Demandan ao goberno central a convocatoria da Mesa de Diálogo, que xa se tiña que ter celebrado.
De momento o goberno central aínda non lles comunicou unha data para ese novo encontro entre as partes. Dende o comité aseguran que tampouco teñen informarción sobre a decisión do executivo de encargarlle a Tragsa a busca de terreos alternativos para o traslado de Ence.
Os traballadores xa se terían posto en contacto coa Subdelegación do Goberno para preguntar por esa información e tamén por eses informes. De momento, non obtiveron resposta.
O comité, por certo, aínda non tomou unha decisión sobre se apoiará a marcha entre a pasteira e o porto de Marín, convocada polo comité de empresa de Oficinas ,para o vindeiro 27 deste mes.