A CIG sitúa no 60% o seguimento da folga do profesorado; a Xunta rebaixa a cifra ata o 15%

PONTEVEDRA> Xornada de folga do profesorado non universitario en toda Galicia. Dende a CIG, convocante do paro, sitúan o seguimento nun 60%. Distintas son as cifras que manexa a Consellería de Educación. Román Rodríguez asegurou esta mañá que a participación roldou o 15%. Rodríguez afirmou tamén que a xornada transcorreu sen incidentes nos centros escolares.

O profesorado da educación non universitaria galega estivo hoxe chamado á folga. O paro foi convocado pola CIG-Ensino, e apoiado por STEG, CSIF e CUT. Dende o sindicato nacionalista sitúan o seguimento da protesta nun 60% de media. Nos centros de educación secundaria, aseguran, roldou o 80%.

Diferentes son as cifras que se ofrecen dende a Xunta. A Consellería de Educación situou o seguimento da folga nun 15,3% e apuntou que a xornada transcorreu sen incidentes.

Román Rodríguez puxo en valor o acordo asinado o pasado 11 de outubro cos sindicatos UXT, Comisións Obreiras e ANPE.

A CIG desmarcouse deste acordo, que cualificaron como insuficiente e chantaxe. Reclaman, entre outras medidas, a recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de dous cursos ou a redución das ratios en todos os ensinos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí