10.000 persoas gozaron da noite máis máxica do ano na gran cacharela do San Xoán de Poio

POIO> As cacharelas do San Xoán encheron de festa e luz toda a nosa contorna. Un dos puntos onde a noite se viviu con máis intensidade foi en Poio. Preto de 10.000 persoas déronse cita na Seca para gozar da noite máis máxica deste municipio. Os 300 quilos de sardiñas quedaron escasos ante esta gran afluencia, esgotándose por primeira vez.

Na nosa contorna se hai un concello onde o San Xoán se vive con especial devoción é no de Poio. Centos de veciños e visitantes gozaron este luns da noite máis máxica do ano neste municipio. De novo, A Seca volveu ser o escenario, coas sardiñas, a música e a gran cacharela como protagonista. Segundo indican dende o concello, preto de 10.000 persoas déronse cita aquí para vivir o San Xoán.

Eses 300 quilos de sardiñas quedaron escasos desta volta. Por primeira vez esgatóranse todas as existencias, o que dá boa mostra do éxito da xornada e do poder de convocatoria que ten o San Xoán de Poio.

E como manda a tradición, o momento máis agardado foi o do prendido da gran cacharela. Centos de persoas congregáronse ao seu redor para vivir ese momento, no que tampouco faltaron os fogos artificiais.

Dende o concello de Poio celebran o éxito desta festa, unha proposta pensada para todos os públicos e con contidos variados, para que todo o mundo poida vivila.

A noite do San Xoán estivo amenizada pola orquestra Ritmo Joven, de Poio. As festas patronais continuaron este martes, xornada festiva no municipio. Logo dos actos relixiosos da mañá tivo lugar o concerto da banda de música de Marín, cunha noite chea de troula con Miramar e Laocaband. A programación do San Xoán continúa en Poio ata este vindeiro venres.