Os estudos arqueolóxico e artístico en Santa Clara comezarán no mes de xuño

PONTEVEDRA> Os estudos arqueolóxico e artístico no convento de Santa Clara comezarán a principios do mes de xuño. A Deputación de Pontevedra aprobou en xunta de goberno a súa adxudicación, cun prazo de execución de seis meses e un orzamento de 272.000. Segundo o vicepresidente provincial, será o estudo máis amplo e profundo deste tipo que se realiza en Galicia.

Xa están adxudicados os estudos arqueolóxico e artístico que o Museo de Pontevedra vai facer no convento de Santa Clara. A intención é que os traballos poidan comezar no mes de xuño, despois do prazo de 15 días que se abre para presentar posibles reclamacións.

A empresa adxudicataria terá seis meses para levalos a cabo. Neste tempo, un equipo multidisciplinar de 20 persoas analizará máis de 15.00 metros cadrados de superficie do convento. Informarán a diario dos seus achados.

Os traballos consistirán en escavacións masivas, levantándose incluso boa parte do claustro. Tamén a investigación e documentación dende o punto de vista histórico-artístico da evolución do conxunto conventual.

Actualmente, en Santa Clara estanse a realizar traballos de limpeza e retirada de entullos e lixo.