Onda de soliedariedade: os organizadores do Surfing queren recoller 10 toneladas de alimentos

PONTEVEDRA> A Illa das Esculturas de Pontevedra queda este ano sen o Surfing the Lérez, polo coronavirus. A organización traballa nun proxecto alternativo no centro da cidade, para axudar a dinamiza-la economía local. O que se mantén é a vertente solidaria do evento. Mañá van facer unha recollida de alimentos ás portas da Sala Karma. Queren chegar ás 10 toneladas.

O coronavirus deixa á Illa das Esculturas de Pontevedra sen o Surfing the Lérez. O festival estaba previsto para mediados de xuño, poro a crisa sanitaria levou á organización a suspendelo. Con todo, traballan  nunha edición alternativa antes de que remate o ano. Mudaría a súa localización polo centro da cidade, para apoiar ó seu tecido económico.

O coronavirus, iso si, non puido coa vertente solidaria do Surfing. A recollida de alimentos mantense en marcha, máis necesaria, se cadra, ca nunca. A iniciativa terá lugar mañá mesmo, ás portas da Sala Karma, entre as 11 da mañá e as 8 do serán.

Dende a organización do festival consideran que no actual contexto a súa axuda pode resultar máis útil que nunca, nun momento no que os comedores sociais sofren un incremento de usuarios. Así que para chegar o máis lonxe posible, marcan un obxectivo: conseguir recoller 10 toneladas de alimentos.

Todo o recadado entregarase despois ó Banco de Alimentos. Ademais, todos os que colaboren na recollida solidaria, recibirán un vale por unha cervexa ou refresco na Sala Karma, El Pequeño, Groove House ou a Taberna O Salnés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí