A gastronomía e a enoloxía, fíos condutores da nova estratéxica turística de Poio

POIO> O Concello de Poio aspira a facerse con dous millóns e medio de euros de fondos europeos para o impulso do seu plan de turismo sostible. Esta estratexia terá como fío condutor a gastronomia e a enoloxía, para diferenciarse doutros concellos próximos como Sanxenxo ou Pontevedra. O plan, que foi elaborado con aportación do sector hostaleiro e empresarial, busca tamén desestacionaliza-la actividade, creando fluxos ao longo de todo o ano.

Unha ferramenta que consolide a Poio como destino turístico, cunha imaxe de marca propia e na que a gastronomía e a enoloxía son as referencias. Esta é a carta de presentación do Plan de Turismo sostible que impulsan as concellerías de Turismo e Promoción Económica, en coordinación coa hostalería e o tecido empresarial local, ao que hoxe lle presentaron as súas liñas mestras.

Con ese obxectivo de consolida-lo turismo como un motor para a economía local ao longo de todo o ano, o plan deseña varias liñas estratéxicas, vencelladas á modernización, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade. Nese sentido, busca diferencia-lo destino doutras opcións  próximas,poñendo en valor os recursos naturais, patromonais e, por supostos, gastronómicos.

A confección deste plan permitirá a Poio optar a dous millóns e medio de euros de fondos europeos. De conseguilos, materializarase cunha multitude de accións concretas ao longo de todo o municipio. Unha das máis atractivas, a conexión por mar con Pontevedra a través embarcación eléctrica que faga parada na Illa de Tambo.

O plan contempla tamén a creación dunha nova ruta de sendeirismo nos Muños da Cela, a creación dunha rede de bicicletas eléctricas polo concello ou a creación dun oficina de turismo intelixente. Na parte gastronómica, a posta en marcha de varios eventos, liñas de axuda para o sector ou a creación dun Club de Produtos Gastronómicos. Na presentación do plan estivo presente Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira. Un xesto co que quixo apoi-la iniciativa, como fórmula para seguir avanzando, dixo, en materia de sostibilidade e autenticidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí