O novo e ‘continuista’ goberno de Rueda xa está en marcha

GALICIA>  O novo goberno da Xunta xa está en marcha. Esta mañá tomaron posesión os conselleiros que acompañarán a Alfonso Rueda no seu gabinete. No executivo, poucos cambios, confirmándose así a liña continuísta que xa avanzaba o presidente nos últimos días. O coruñés Diego Calvo sitúase como vicepresidente segundo e continúan todos os membros do goberno de Feijóo. A ribeirense Fabiola García continúa como Conselleira de Política Social, que a partir de agora incorpora ‘Xuventude’ na súa na denominación. É a única que ten orixes na nosa contorna.

Os sete homes e cinco mulleres que acompañarán a Alfonso Rueda no seu equipo tomaron esta mañá posesión do seu cargo. Dous vicepresidentes e nove conselleiros compoñen o gabinete do novo presidente da Xunta, no que se manteñen tódolos membros do goberno de Feijóo. A principal novidade, a incorporación do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, como vicepresidente segundo e conselleiro da Presidencia.

O resto do gabinete, así como a súa estrutura, continúa sen grandes cambios. Repite como Conselleira de Política Social, Fabiola García. A ribeirense, que tomaba posesión tamén en lingua de signos, é a única que, como Rueda, ten orixe na nosa contorna. A súa carteira ten un pequeno matiz, ao incorporar na súa denominación ‘Xuventude’. Algo semellante ocorre tamén con Cultura e Educación, que suma no seu nome ‘Formación profesional’. En ambos casos xa eran competencias súas. Tamén continúa á fronte de Mar, Rosa Quintana, a única que -como Rueda- permanece no executivo dende o 2009.

Rueda, que manterá as competencias de Turismo, pediulles a todos eles que continúen a traballar como ata o de agora. Logo do acto de toma de posesión, o novo goberno botou a andar coa celebración do seu primeiro consello da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí