POIO> O empresario Ángel Martínez Pérez, popularmente coñecido como Lito, faleceu esta mañá en Poio ao precipitarse á autoestrada AP-9 dende a ponte da Barca. As primeiras informacións apuntan a que se tratou dun suicidio. O ‘rei das orquestras’ tiña 58 anos e era veciño da Caeira.
A súa morte produciuse contra as 11 desta mañá. Varias patrullas da Garda Civil de Tráfico acudiron ao lugar para xestiona-la circulación na autoestrada. Varios vehículos pararon na beiravía ao ve-lo corpo, ao tempo que varios axentes accederon á AP-9 saltando o balado de seguridade.
Os últimos anos do empresario pontevedrés viñeron marcados polos seus problemas coa xustiza. No pasado mes de novembro, a Audiencia Provincial de Pontevedra suspendía o xuízo contra el, por defraudación tributaria, polo seu estado de saúde. Padecía unha enfermidade neurolóxica dexenerativa.
Uns meses antes, en xuño, o ‘rei das orquestras’ fora condenado a dous anos e tres meses de cadea pola Audicencia Provincial de pontevedra por non declarar 326.000 euros do IVE dos anos 2011 e 2012. Neses anos, a súa empresa tivera uns ingresos de dous millóns e medio de euros.
En total, estaba acusado dunha decena de delitos fiscais, entre eles dous agravados conrra a Facenda Pública, xa que o valor da defraudación era superior a 600.000 euros en cada caso. Os delitos corresponden con cotas tributarias defraudadas entre o 2009 e 2012 no IRPF ou o IVE.
A Fiscalía pedía para Ángel Martínez unha pena total de 35 anos de cadea e unha multa de 13 millóns de euros.