CAMBADOS> O Partido Socialista xa controla a Mancomunidade do Salnés. No pleno celebrado ás 8 desta tarde, os votos dos representantes da formación, do BNG e de Esquerda Unida foron suficientes para investir á alcaldesa de Meis, a socialista Marta Giráldez, presidenta do ente comarcal.
Momento histórico para o Partido Socialista da comarca do Salnés.
Despois de tres décadas de dominio do Partido Popular, a formación facíase esta tarde coa presidencia da Mancomunidade. Conseguíao tras recibir o apoio maioritario dos asistentes ao pleno a súa candidata, a alcaldesa de Meis Marta Giráldez.
Giráldez foi a única candidata á presidencia. Contou cos votos a favor dos representantes do Partido Socialista, tamén do BNG e de Esquerda Unida. Non así dos cinco independentes: os tres de Independentes por Ribadumia, o líder de Meaño independente e o alcalde de Meaño, exmembro do PP.
A nova presidenta referiuse tamén á ausencia dos representantes do Partido Popular, que o venres pasado anunciaban que non asistirían por considerar a convocatoria ilegal. Giráldez tendeulles a man para traballar en beneficio dos veciños.
Anunciou que este mesmo xoves o ente comarcal vai celebrar o seu primeiro pleno, con carácter extraordinario, para aproba-la súa conta xeral. O tamén socialista Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, ocupará a vicepresidencia da Mancomunidade.