A Illa instala lectores de matrículas no Bao para que as autocaravanas cumpran co máximo de 24 horas

A ILLA> O concello da Illa toma medidas para que se cumpran as normas da área de autocaravanas do Bao. Na zona acaban de instalar lectores de matrículas para contolar que ningún destes vehículos supere o máximo de 24 horas de estacionamento. Este novo sistema permite axilizar o traballo que ata o de agora viña facendo a Policía Local que, día a día, revisaban de forma presencial que se estivesen cumprindo as normas.

Aínda que dende hai anos xa se indica claramente o límite de tempo que unha caravana pode aparcar no Bao, son moitos os usuarios que se viñan saltando as normas. Ante esta situación o concello da Illa toma medidas: acaban de instalar lectores de matrículas para garantir que ningún destes vehículos permaneza máis de 24 horas na zona que teñen habilitada.

Con este novo sistema, axilízase o traballo para a policía local. Ata o de agora estaban facendo controis diarios para garantir que ninguén ocupase unha praza máis tempo do permitido.

Co sistema de cámaras búscase tamén que as noites nesta zona sexan máis tranquilas.

Aquelas autocaravanas que non cumpran as normas poderán ser sancionados con ata 200 euros, tal como xa se vén aplicando dende hai anos. O parking conta con 25 prazas destinadas a este tipo de vehículos.