A Pobra contará con tres composteiros comunitarios

A POBRA> O concello da Pobra amplía a súa aposta pola compostaxe. Nos próximos días instalará tres composteiros comunitarios en varias zonas do termo municipal para aqueles veciños que non poden optar por este modelo de xestión dos residuos nas súas vivendas.

Tralo éxito da campaña de compostaxe promovida polo departamento de Medio Ambiente, co reparto de composteiros domésticos, o concello da Pobra decidiu ampliar esta campaña coa implantación de tres composteiros comunitarios. Estarán situados na zona do Castelo, no Caramiñal e en Venecia e darán servizo a persoas residentes en pisos ou vivendas sen terreos que non poden dispoñer de composteiro propio.

O obxectivo desta aposta pola compostaxe é promover unha mellor xestión da materia orgánica que suporá non só beneficios medioambientais senón tamén económicos.

Os interesados en unirse a este novo modelo de xestión poden presentar a solicitude de participación no rexistro do concello e por vía telemática. A intención do concello é poñer en marcha os composteiros nun prazo de quince días, despois dunha serie de accións formativas para que os veciños poidan xestionar o lixo correctamente.

A maiores, Este sábado habilitarase nos xardíns Valle-Inclán un posto informativo de dez a dúas para os veciños que precisen máis información.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí