BOIRO> Como é tradición o programa da Semana Santa que organiza a Irmandade do Cristo da Misericordia arrancará o sábado 5 de abril coa entrega das medallas ós novos confrades e a lectura do pregón, este ano a cargo de Monseñor Francisco Froján, traballador na Secretaría de Estado do Vaticano.
Os actos relixiosos continuarán co triduo na honra á virxe das Dores os días 9 e 10 de abril; o 13 coa bendición de Ramos no cruceiro do Bao, e o día 16 coa celebración do Mércores Santo e posterior procesión da Nosa Señora da Piedade, que será unha das principais novidades deste ano, ó non poder saír o paso o pasado ano debido ó mal tempo.
Os actos seguirán coa misa da Cea de Cristo e posteriormente coa procesión do Ecce Homo o Xoves Santo e a Paixón de Cristo e o Santo Enterro o venres. A Vixilia Pascual do sábado e a misa de Pascua o domingo de Resurrección pecharán as celebracións litúrxicas.
O Concello agradeceu o importante labor realizado pola Irmandade do Cristo da Misericordia para a organización dun programa tan completo para esta Semana Santa no que convidan a participar.











