Traballadores de ENCE marchan ata o Porto de Marín para agradecer xestións para incorporar os terreos de Lourizán

PONTEVEDRA> Ao redor do medio cento de traballadores de ENCE e das empresas auxiliares marcharon esta mañá dende a fábrica de Lourizán ata a Autoridade Portuaria de Marín. Con este xesto, quixeron agradecer ao Porto a súa solicitude de incorporar os terreos que a pasteira ocupa en Lourizán aos seus dominios. Unha opción que ven como a solución xurídica e urbanística máis viable para garantir a continuidade da factoría.

A terceira foi a vencida e hoxe si os traballadores de ENCE e das empresas auxiliares puideron celebrar a súa marcha ata a Autoridade Portuaria de Marín. Medio milleiro de persoas participaron na convocatoria, coa que quixeron agradecer ao porto que dera un paso adiante e solicitara a incorporación dos terreos de Lourizán aos seus dominios.

O consello de administración do porto acordara por maioría iniciar a solicitude. Considera que os terreos industriais de Lourizán permitirían atender a demanda de solo para empresas portuarias. Para os traballadores de ENCE, esta sería a mellor solución xurídica e urbanística para garantir a continuidade da pasteira en Lourizán.

Os traballadores descartan xa que a mesa de diálogo, que se reuniu por última vez en outubro, poida achegar algunha solución viable. Pola contra, si confían nas palabras do director territorial de ENCE en Galicia, Antonio Casal, que hai pouco máis dunha semana anunciaba 395 millóns de euros en investimentos na factoría de Lourizán se se garante a súa continuidade.

Mentres, continúan á espera de coñecer o pronunciamento do Tribunal Supremo sobre os recursos presentados en contra da resolución da Audiencia Nacional, que o verán pasado anulou a prórroga da concesión de ENCE en Lourizán ata o 2073.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí