CALDAS> Visita do subdelegado do Goberno a Caldas de Reis. Abel Losada coñeceu sobre o terreo o proxecto impulsado dende o concello para recuperar a súa carballeira. A iniciativa conta cunha achega de 1,45 millóns de euros do Goberno do Estado, financiada con fondos europeos Next Generation. Unha aposta, dixo, polo desenvolvemento turístico e cultural.
O concello de Caldas abordará a recuperación da Carballeira e do Xardín Botánico. Farao cunha achega concedida polo Estado e financiada con fondos europeos Next Generation. O municipio recibirá 1,45 millóns de euros, no marco do Programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico.
Hoxe visitou a Carballeira o subdelegado do Goberno en Pontevedra. Abel Losada estivo acompañado polo alcalde, por outros membros do goberno e polo enxeñeiro agrónomo redactor do proxecto. Sobre o terreo, destacou a importancia destas achegas.
O proxecto inclúe actuacións para recuperar a riqueza botánica e mellorar o patrimonio, a funcionalidade e a estética do espazo. Así, eliminaranse especies invasoras e exemplares en mal estado, repararanse os elementos deteriorados, mellorarase o alumeado e o saneamento, restauraranse os camiños e recolocaranse diferentes especies.
Durante o acto de presentación da intervención plantáronse de modo simbólico tres exemplares de carballo.










