BOIRO> Un total de 100 mulleres desempregadas recibirán formación transversal no marco do Plan Integrado de Emprego que van desenvolver conxuntamente os concellos de Boiro, A Pobra e Rianxo. Desenvolverase a partir do próximo mes nas instalacións do centro de formación de Espiñeira.
Os alcaldes de Boiro, A Pobra e Rianxo mantiveron unha xuntanza coa equipa formativa do Plan Integrado de Emprego que promoven os tres concellos de xeito conxunto. Na actualidade, está en marcha o proceso selectivo das 100 alumnas que se incorporarán ó programa dirixido exclusivamente a mulleres.
Destaca o alto nivel de inserción xa acadado en anteriores anos posto que a formación defínese en función das necesidades dos sectores produtivos da comarca que demandan profesionais cualificados. Nesta quinta edición impartiranse módulos formativos en Envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios; Elaboración de pezas cárnicas, Sistemas e Procesos Loxísticos; Marketing online; Cociña, Atención ao Cliente; Restauración; ou Preparación de produtos do mar, entre outros.
As alumnas percibirán unha bolsa de asistencia de dez euros por día e realizarán prácticas en empresas. As interesadas en participar deben estar inscritas como demandantes de emprego na Oficina de Emprego e solicitar a asignación do código 930.