Convocado o VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

A POBRA> Convocada a sétima edición do premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. O concello da Pobra, a editorial Galaxia e a asociación cultural Barbantia promoven este certame dotado con tres mil euros e a publicación da obra gañadora.

Tras seis edicións con gañadores de renome como Xosé Antón Neira Cruz ou María Canosa, o concello da Pobra convoca o VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro.

O acto de presentación tivo lugar na biblioteca municipal onde se realizou tamén a descuberta dunha caricatura de Carlos Mosteiro, realizada por Ché Tembra.

Os interesados dispoñen de prazo ata o 1 de novembro para presentar as súas obras, escritas en lingua galega e dirixidas a lectores de 8 a 12 anos. Ademais da dotación económica de 3000 euros, a obra gañadora publicarase na colección Árbore da Editorial Galaxia e repartiranse 500 exemplares entre os mozos pobrenses.

 As bases completas poden consultarse tanto na web municipal da Pobra como da editorial Galaxia.