Rueda, na romaría do Monte Castrove, anima aos seus a gañar a batalla das municipais do ano que vén

POIO>  O PP recupera a súa tradicional romaría no Monte Castrove, en Poio, que levaba dous anos suspendida pola pandemia. Alí o líder dos populares galegos animou aos seus a traballar para gañar en todos os concellos do país nas municipais do ano que vén. Alfonso Rueda apuntou que o PP ten que gañar para poder gobernar. Puxo o exemplo de Poio, onde a pesar de que os populares foron no 2019 a forza máis votada, goberna un tripartito de esquerdas.

Primeiro evento multitudinario de Alfonso Rueda dende a súa proclamación como presidente do PPdeG. A formación recuperou no Monte Castrove, en Poio, a súa tradicional romaría, cancelada nos últimos dous anos pola pandemia. Ante 600 militantes, o líder dos populares galegos fixo un chamamento aos seus para traballar de cara ás eleccións municipais de maio de 2023. Rueda apuntou que só queda un ano para que o partido reciba ‘grandes alegrías’.

Arroupado por compañeiros como Ana Pastor, o secretario xeral na provincia de Pontevedra, Luis López, a deputada autonómica Lupe Murillo e os alcaldes de Marín e Cerdedo-Cotobade, Rueda pediu facer todo o posible para gañar as eleccións en todos os concellos cunha maioría suficiente para poder gobernar.

E pon como exemplo o acontecido en Poio no 2019, onde o PP malia ser a forza máis votada está na oposición, logo de artellarse un tripartito de esquerdas. Nese sentido, Alfonso Rueda trasladou o seu apoio a Ángel Moldes, líder dos populares en Poio, que aspira o ano que vén a facerse co bastón de mando. Recomendoulle ‘seguir falando con todo o mundo’ e mesmo escoitar, dixo, a quen non queire escoitar.