A carpa gastronómica será a gran ausente na Festa do Mar deste ano

POIO> Poio xa ten pechada a programación da súa Festa do Mar. Unha vixésima edición na que a cita perde un dos seus atractivos: a carpa gastronómica. Dende o concello explican que a falta de espazo no peirao da Canteira, ocupado polas tubaxes das obras do emisario submarino da ría de Pontevedra que está a realizar Augas de Galicia, impide a súa instalación. O PP acusa ao executivo de mentir e defenden que a ausencia da carpa xa se comunicara aos empresarios incluso antes de saber que o peirao non estaría dispoñible.

A tradicional carpa gastronómica non forma parte este ano da programación da Festa do Mar do concello de Poio. Segundo o edil de Festexos, a ausencia débese á falta de espazo no peirao da Canteira, pechado para acoller as tubaxes da obra do emisario submarino da ría de Pontevedra que está a realizar Augas de Galicia.

Dende o Partido Popular xa saíron ao paso destas declaracións. Trasladaron aos medios de comunicación unha acta da Comisión de Cultura celebrada en maio na que xa se asegura que non habería carpa gastronómica. Segundo recolle o documento, sería por ‘adiantar o calendario doutros eventos’. Algo que, defenden, se produciu antes de saber que Augas de Galicia empregaría o peirao para as obras.

A pesares da ausencia da parte gastronómica, si haberá na Festa do Mar dúas importantes citas: o Armadiña Rock e o Encontro de Embarcacións Tradicionais. A primeira será os días 26 e 27 na Praza da Chousa. A segunda, entre o 26 e o 28 de agosto.

Xosé Luís Martínez tamén adiantou que o concello estuda cambios en eventos como a Festa do Mar ou o Festival Sons de Ánkar para favorecer a desestacionalización.

Este ano, ademais do Armadiña Rock e o Encontro de Embarcacións Tradicionais, a Festa do Mar desenvolverase do martes 23 ao domingo 28. Incluirá, entre outras actividades, a actuación do Combo Dominicano e da Orquestra Olympus e os concertos de Dr. Queen e Euro ABBA. Todas serán de balde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí