Pontevedra estuda como abrir os xardíns de Santa Clara dende Barcelos ‘sen perder o misterio’ do convento

PONTEVEDRA> Hoxe, 1 de xuño, cúmprense seis meses dende que o concello de Pontevedra asinara a compra do convento de Santa Clara. Un feito histórico para a cidade do que hoxe o alcalde capitalino fixo balance. Neste tempo, máis de 15.300 persoas accederon ás instalacións. Pero a intención do goberno local é dar un paso máis e abrir os xardíns á cidade dende a rúa Santa Clara e dende a praza de Barcelos. Neste caso, o executivo baralla a construción dun acceso soterrado por debaixo do muro.

Hoxe, 1 de xuño, cúmprense seis meses dende este momento.

Pontevedra selaba a compra do convento de Santa Clara e abríao á cidadanía por primeira vez nos seus 750 anos de historia.

Dende entón, o concello organizou diferentes actividades para atender a curiosidade da veciñanza. Visitas sectoriais, xornadas de portas abertas, concertos e seminarios na igrexa que permitiron empezar a coñecer os segredos de Santa Clara.

A mediados de mes comezarán os traballos arqueolóxicos no convento e nos xardíns para coñecer máis en profundidade que agocha Santa Clara e valorar a súa integración no Museo de Pontevedra. Máis aló, a intención do concello está clara: abrir ao público os xardíns.

Mentres, estúdanse os mecanismos para facelo posible. Dunha banda, habilitar un acceso dende a rúa Santa Clara. Algo que se está a tramitar coa Igrexa. Doutra, comunicalos coa Praza de Barcelos.

En todo caso, son necesarios os permisos de Patrimonio para facer calquera actuación que afecte ao muro. Ademais, dende o concello apostan por manter o misterio do convento.

Así as cousas, o deseño definitivo para Santa Clara sairá do concurso de ideas que a Deputación ten pensado convocar cara finais de ano para a rehabilitación do convento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí