Iván Puentes defende que Costas non desbota o vial de Mollavao, só reclama que se xustifique

PONTEVEDRA> Iván Puentes compareceu tamén esta mañá para dar conta do compromiso acadado co Ministerio para a Transición Ecolóxica para a estratexia Pontevedra Flúe. Segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, todos os proxectos serán financiados con fondos europeos dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Recordemos que os socialistas cifran este investimento en case 25 millóns de euros.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible reafírmase no seu anuncio do pasado venres. O Ministerio para a Transición Ecolóxica asumirá sete proxectos en Pontevedra cun investimento aproximado de 25 millóns de euros.

Os proxectos están incluídos na estratexia Pontevedra Flúe. Son, entre outros, a recuperación da parcela situada diante do Pavillón Municipal de Deportes, a restauración da ribeira dereita do Lérez entre as pontes das Correntes e dos Tirantes, a recuperación da Xunqueira de Alba ou a recuperación do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.

Puentes tamén matizou a postura de Costas sobre a construción dun vial en Mollavao que conecte a rúa Rosalía de Castro e a coñecida como autovía de Marín. Asegura que os socialistas están a favor desta intervención. O que reclama Costas é que se xustifique que non existe espazo alternativo para a súa construción, que se realizaría nun terreo de dominio público marítimo terrestre.

Segundo o concelleiro, este compromiso é o resultado de case dous anos de conversas co Ministerio para encaixar os proxectos co cumprimento da Lei de Costas. Ademais, asegurou que os case 25 millóns de euros serán financiados con fondos europeos dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí