ADEGA leva o segundo treito da A-57 á Audiencia Nacional

PONTEVEDRA> ADEGA leva o segundo treito da A-57 á Audiencia Nacional. A asociación ecoloxista anunciou que presentará un recurso contencioso administrativo para frear estas obras, polo seu impacto ambiental, patrimonial e social. Cren que pode existir fraude de lei na avaliación ambiental do proxecto ao subdividilo en treitos, en lugar de facela do conxunto da A-57. Para poder levar adiante este recurso, puxeron en marcha unha recadación de fondos. Precisan xuntar 9.500 euros en dous meses.

‘Salva o Lérez. Stop A-57’ é o nome da campaña posta en marcha pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA. Precisan recadar os 9.500 euros que necesitan para presentar un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a autorización da segunda fase deste proxecto, entre A Ermida e Pilarteiros.

Teñen dous meses para conseguir estes cartos, que tamén lles permitirían elaborar un estudo ambiental para solicitar a paralización cautelar das obras. Dende ADEGA consideran o trazadoespecialmente agresivo , afectando a 6.000 metros cadrados. Parte deles, incluídos na rede natura do río Lérez, que engloba hábitats e especies de especial interese para a Unión Europea.

Coinciden coa veciñanza ao sinalar que a A-57 non funcionará como circunvalación para Pontevedra e que o único que fai é duplicar unha vía de alta capacidade como é a AP-9.

A veciñanza reclama tamén aos políticos que cumpran os compromisos adquiridos en campaña electoral, como foron os acordos plenarios no concello de Pontevedra e na Deputación. Aseguran que non lles foi comunicado que se dera traslado das súas reclamacións ao Ministerio de Fomento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí