O Salnés propón en fitur ‘outra forma de facer o camiño’

MADRID>  A Mancomunidade do Salnés amosou en Fitur outra forma de facer o camiño. O organismo comarcal quere adiantarse ás necesidades dos visitantes, buscando cativar aos peregrinos de alto poder adquisitivo que optan por paradores ou hoteis para descansar no canto de albergues. Un perfil de visitante que busca experiencias novas, vinculadas a un turismo de calidade.

A Mancomunidade do Salnés pon o foco este ano en Fitur na potencialidade do camiño de Santiago. O organismo comarcal leva tempo observando o perfil do peregrino que atravesa a comarca, polo que aposta por adiantarse ás súas novas necesidades. Falan dun camiñante con alto poder adquisitivo que xa non dorme en albergues.

Experiencias vinculadas co territorio e co turismo de calidade. Por iso, a Mancomunidade está a preprarar un paquete que dea resposta ás demandas deste perfil de visitante.

Nesa liña, e co Camiño como eixo central, en Fitur a Mancomunidade presentou un vídeo que amosa ao público un conxunto de hoteis de cinco estrelas, termalismo, patrimonio ou natureza. Tamén amosaron outra peza sobre experiencias concretas vinculadas ao enoturismo. Unha proposta que vai na liña de captación de visitantes ao longo de todo o ano, pero sobre todo, fóra do verán.

Porque a desestacionalización, xunto coa internacionalización do sector turístico, seguen a ser os dous grandes obxectivos da estratexia da Mancomunidade.

E destacan que na edición deste ano de Fitur mantiveron multitude de reunións de alto interese para O Salnés. Entre elas salientan as xuntanzas centradas arredor doutro proxecto turístico no que tamén está implicado a Mancomunidade, Navega o Camiño, o camiño de Santiago a vela. Avanzaron que no mes de xullo vaise facer un irmandamento entre todos os concellos que están vinculados ao proxecto.