PONTEVEDRA> A Asociación Pola Defensa da Ría prepara a súa mobilización anual contra ENCE. Será o vindeiro domingo 19 de xuño ás 12 do mediodía, con saída dende as alamedas de Pontevedra e Marín para finalizar na fábrica de Lourizán. Este ano a marcha terá tintes festivos. O colectivo é optimista e confía en que o Tribunal Supremo confirme a nulidade da concesión.
A Asociación Pola Defensa da Ría volve chamar á veciñanza á mobilización contra ENCE. Este ano a marcha será o vindeiro 19 de xuño ás 12.00, con saída dende as alamedas de Pontevedra e Marín para rematar na factoría de Lourizán.
“Ence xa é pasado. Cumpre agora loitar por recuperar o futuro!” é o lema da convocatoria deste 2022. Recolle o sentir do colectivo, que confía en que a marcha da pasteira non teña volta atrás.
A APDR non cre posible que o Tribunal Supremo se pronuncie nun sentido diferente ao marcado pola Audiencia Nacional, que en xullo do ano pasado sentenciaba a nulidade da prórroga da concesión de ENCE.
O cartel deste ano está asinado pola artista Rosa Fernández, profesora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Nel recóllese a idea de pasado e de futuro da APDR.
A xornada previa á manifestación, a asociación celebrará na Praza da Peregrina un obradoiro de construción de papaventos con bandeiras do colectivo. A intención é que as persoas poidan levalos á marcha do domingo.