PONTEVEDRA> A Aplu derruba unha casa de máis de 30 anos de antigüidade en Pontevedra e deixa na rúa ao seu propietario e á súa filla. Ambos alternan ás noites nun galpón próximo á súa vivenda ou nunha casa duns familiares no concello de Cerdedo Cotobade. Os veciños estanlles mostrando o seu apoio con diferentes doazóns e buscando financiación para que poidan refacer a súa vida.
Os escombros que se ven nas imaxes son o que queda da casa de Manuel Gallego e da súa filla. Tras máis de 30 anos residindo nela, a Aplu derrubou a vivenda por unha orde xudicial que a declaraba ilegal por ser construída sen licencia. Manuel e a súa filla están desolados.
Segundo denuncia Manuel, a picaraña enviada pola Aplu e as forzas de seguridade chegaron ao inmoble obrigándoo a saír sen tempo para retirar os seus mobles. A continuación comezaron a demolición.
Tamén denuncia a actuación policial, as forzas de seguridade obrigárono a saír de todo o terreo.
Manuel insiste en descoñecer o motivo polo cal derrubaron a súa casa, aínda que dende a Aplu sinalan que o proceso realizouse correctamente, que se avisou en todo momento e que a casa foi derrubada ao ser construída sen licencia en chan rústico. O home culpa a unha veciña de ser a denunciante da súa situación e cree que o seu avogado puido facer moito máis.
Sen casa, cose seus mobles amontoados e sen lugar onde durmir, Manuel e a súa filla tiveron que durmir algúns días nun galpón próximo á vivenda no que teñen animais. Agora alternan o galpón, para vixiar os seus mobles, cunhas habitacións que lles cederon en Cerdedo Cotobade.
Manuel xa tivo contactos co concello para buscar unha alternativa, aínda que agarda poder seguir vivindo no seu terreo, xa sexa cunha pequena casa de madeira ou cunha prefabricada. O home quixo agradecer o cariño recibido polo resto da veciñanza que se involucrou para axudalo. Tamén abriron unha conta bancaria para que todo aquel que queira axudar a Manolo poda realizar a súa doazón.