Paradela recorre de novo á internet para manter viva a súa Semana Santa

MEIS> A Semana Santa de Paradela, en Meis, tamén será diferente este ano. A localidade queda por segundo ano consecutivo sen as súas célebres representación, por mor da pandemia. Nas redes sociais van lanzar varios videos e fotografías, para manter vivo o espírito da celebración.

A través das redes sociais, a Semana Santa de Paradela mantén viva a súa esencia. A situación sanitaria impide por segundo ano  celebra-las clásicas representacións. Así que, os contidos trasládanse á internet, coa publicación de vídeos e fotografías.

Hoxe mesmo comezaron a comparti-los contidos na internet, cun vídeo de saúdos co que pretenden subi-los ánimos dos veciños que, de novo, vén como a covid leva por diante a Semana Santa. A partir do domingo, divulgaranse os contidos propiamente relixiosos.

O concello de Meis que, como sempre, colabora coa Semana Santa de Paradela comprométese a seguir promocionándoa. A alcaldesa lanza tamén un reto: que se converta nunha cita de interese turístico nacional.

Tras dous anos recorrendo ós formatos virtuais, en Paradela confían que o ano que vén imaxes coma estas sexan de novo a esencia da súa Semana Santa.