PORTO DO SON> Porto do Son rendeu esta pasada fin de semana homenaxe a Ánxela Franco, a edil nacionalista recentemente falecida. Ó acto, que se desenvolveu na propia explanada portuaria, asistiron familiares, amigos e compañeiros da formación, entre os que se atopaban a portavoz nacional, Ana Pontón, ou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
Non faltou ninguén. Familiares, amigos e compañeiros de militancia, así como tamén veciños en xeral, ateigaron este sábado a explanada portuaria de Porto do Son para renderlle unha emotiva homenaxe á Ánxela Franco, edil nacionalista e deputada provincial, recentemente falecida. O acto organizado polo BNG local, non pretendía ser unha despedida, senón mais ben un recoñecemento a unha muller que deixou unha fonda pegada, non só no municipio, senón en toda a comarca, pola súa personalidade e o seu compromiso nacionalista, como destacaron a portavoz nacional, Ana Pontón, ou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
Sen dúbida un dos momentos máis emotivos viviuse durante a intervención dos seus fillos, Andrea e Carlo, e do seu home, Carlos.
A carón do mar, no seu Porto do Son, xunto a súa familia, non só de sangue, senón de pensamento político e raigame nacionalista, foi onde quedou Ánxela…e a súa lembranza perdurará sempre na memoria de todos aqueles que a coñeceron.