Quintana entrega o certificado ‘Pescaenverde’ a Ribeira, Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Vilaxoán

BARBANZA> Os pósitos de Ribeira, Cabo de Cruz e Pobra do Caramiñal súmanse á certificación pesca en verde da consellería do Mar. O distintivo certifica unha actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente. Na actualidade xa hai unhas 33 Confrarías en toda Galicia que dispoñen deste distintivo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta pasada fin de semana en Ribeira na entrega da certificación pescaenverde a seis confrarías de pescadores: Ribeira, Cabo de Cruz e Pobra do Caramiñal, así como tamén ás Cedeira, Ferrol e Vilaxoán. No acto a titular do Mar destacou a importancia e a transcendencia de contar cun sector pesqueiro responsable que aposte por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e ó mesmo tempo cunha diferenciación das súas capturas.

Na actualidade xa son unhas 33 confrarías en toda Galicia que contan con este distintivo que, baixo o paraugas da marca PescadeRías, acredita a baixa pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético da frota artesanal. Pescaenverde conta co respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago.