RIBEIRA> As delegadas de CIG-Saúde do Hospital do Barbanza denuncian a sobrecarga de traballo á que teñen que facer fronte os facultativos de diversas especialidades. A falla de persoal implica a realización de moitas máis horas de traballo e gardas, o que repercute na calidade asistencial.
A situación en determinados servizos do hospital do Barbanza que xa contan con plantillas reducidas agrávase fronte a casos de baixas ou vacacións que reducen aínda máis o número de especialistas. Malia que xa teñen asumido que trabalalr nun centros comarcal implica máis horas de traballo e máis gardas ó mes entenden que hai un límite que non se pode sobrepasar xa que incide directamente na calidade asistencia e na seguridade dos pacientes.
Un dos casos máis graves é o de medicina interna que, en 2019, pasou de 17 a 7 internistas sen que se cubrisen as vacantes. dende o propio servizo levan tempo insistindo na necesidade de contar cun mínimo de 11 profesionais para garantir a correcta asistencia ós pacientes ingresados.
Dende a CIG agardan que a xerencia acceda a sentarse a negociar para establecer un protocolo sobre o límite de horas e gardas que non se poden exceder para un correcto funcionamento dos servizos. De non obter resposta non descartan recorrer á folga como medida de presión.