A presentación dun libro sobre Manuel Hermo abrirá na Pobra os actos do Día da República

A POBRA> O concello da Pobra e a Comisión pola Recuperación da memoria Histórica organizan unha serie de actos para conmemorar o Día da República.  O programa inclúe a presentación dun libro do investigador José Antonio Pérez Fernández sobre Manuel Hermo e o nomeamento do autor como  republicano de honra .

A Pobra continúa co seu compromiso de honrar  a memoria das vítimas da represión franquista e reivindicar a recuperación da memoria democrática.  Así, o concello colaborará cos actos programados pola Comisión da Memoria Histórica do Barbanza co gallo do Día da República.

Os actos comezarán este venres ás oito da tarde no auditorio da biblioteca coa presentación dun libro sobre Manuel Hermo Vidal, no que o investigador José Antonio Pérez Fernández repasa a traxectoria vital e política do que fóra tenente alcalde da Pobra ata a súa detención e posterior fusilamento.

O domingo 12 , os actos desprazaranse ó Confurco, ante o monumento pola Memoria Histórica, onde se procederá ó nomeamento como republicano de honra de José Antonio Pérez Fenández e se realizará unha ofrenda floral en lembranza das vítimas do franquismo. A xornada rematará cun xantar de confraternidade.