PONTEVEDRA> As monxas poderán levar da igrexa de Santa Clara, en Pontevedra, o retablo dos Desamparados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deu luz verde ao traslado, despois de desbotar o recurso presentado pola Deputación de Pontevedra contra a reclamación da orde relixiosa.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural reafírmase e autoriza ás monxas clarisas a levar o Retablo dos Desamparados da igrexa do convento de Santa Clara. A decisión fora recorrida pola Deputación de Pontevedra hai uns meses.
A decisión foi comunidade onte ao concello pontevedrés. Segundo Mosquera, non lles colleu por sorpresa. E é que Patrimonio baseouse no mesmo criterio que empregou no caso doutras pezas que as monxas xa levaran despois da compra.
A intención da orde relixiosa é trasladar o retablo ao Convento de Santa Clara en Santiago de Compostela. Mosquera recordou que a Deputación tivo oportunidade de mercar a peza, que estivo durante case tres anos en depósito na igrexa pontevedresa. Estaba taxada en 74.000 euros.
O vicepresidente provincial, pola súa banda, asegurou que se trata dun día triste para Pontevedra e insistiu en responsabilizar ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao anterior vicepresidente da Deputación, César Mosquera. Rafa Domínguez afirmou que se trata do maior espolio cultural, histórico e artístico dos séculos XX e XXI sufrido pola cidade. Ademais, confirmou que non abrirán unha guerra xudicial coas monxas, que recoñece como as propietarias lexítimas do retablo.











