A futura residencia de Amencer no Centro Sur estará rematada no primeiro trimestre de 2023

PONTEVEDRA> Pulo final ás obras de rehabilitación do Centro Sur en Pontevedra. O concello calcula que estará operativo no primeiro trimestre do vindeiro ano. Dende a asociación Amencer agardan con ilusión este equipamento, que converterán nunha residencia para persoas con parálise cerebral. Iso si, para que estea en funcionamento haberá que agardar a pechar o concerto coa Consellería de Política Social. Algo que podería non producirse ata o mes de setembro de 2023.

A residencia que xestionará a asociación Amencer-Aspace no Centro Sur de Pontevedra estará rematada no primeiro trimestre do 2023. As obras das instalacións, que acollerán a persoas con parálise cerebral, afrontan a súa fase final.

O centro ocupará dúas plantas do edificio e contará con máis dunha trintena de prazas. Unha vez rematadas as obras, a posta en funcionamento terá que agardar a que Amencer-Aspace peche o concerto coa Consellería de Política Social.

O prazo máis optimista, aseguran dende a entidade, sería o mes de setembro. A día de hoxe a asociación conta xa cunha ducia de usuarios que agardan facerse cunha das prazas que ofrecerá a residencia.

A intervención contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros, financiados ao 80% por fondos europeos EDUSI.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí