PONTEVEDRA> En Pontevedra este ano o Orgullo vivirase dun xeito especial. A programación coincide en plena celebración do Multisport de Tríatlon e o concello quere aproveitar a ocasión para presentarse como unha cidade segura e respectuosa. A cita central será o día 28. Ademais da festa na Alameda, celebrarase a manifestación reivindicativa baixo o lema ‘Nin un paso atrás. Nin unha letra menos’.
Do 17 ao 30 de xuño Pontevedra despregará a súa programación co gallo do Orgullo 2025. Unha proposta que o goberno local define como orgullosamente diversa e que este ano coincide con eventos de impacto internacional, como o Multisport de tríatlon ou a Bienal de Arte.
O programa comezará co coloquio ‘A diversidade nas aulas… Materia pendente?’ no Teatro Principal. Aproveitando a celebración do mundial de tríatlon, o mércores 18 falarase da discriminación que sofre a xente trans no deporte con Laura Bugalho. Tamén o martes 24 abordarase ‘A pegada lésbica nos deportes de contacto: Fútbol gaélico e Rugby’.
En canto á persoa homenaxeada este ano no marco do Orgullo, o escollido é o xestor cultural Marcos López. O acto será o día 27.
O día grande da programación será o sábado 28 de xuño. O Parque das Palmeiras acollerá unha gran festa, con música durante toda a xornada e actividades infantís. Xa ás 8 da tarde celebrarase a manifestación baixo o lema ‘Nin un paso atrás, nin unha letra menos’.
A programación complétase con presentacións de libros, a celebración da Feira Marica nos xardíns de Marescot, un club de lectura Queer organizado pola Libraría Seijas na Casa das Campás e as proxeccións do festival audiovisual Ambienta, do 23 ao 27 de xuño. Este día está prevista tamén a actuación de Mondra na Praza de España.