PONTEVEDRA> Pontevedra estrea nova senda entre a Xunqueira da Gándara e o parque da Tomba. Hoxe foi inaugurado o trazado de 1,8 quilómetros que forma parte dun proxecto do concello para poñer en valor todo o territorio periurbano do municipio. A intervención contou cun investimento de 158.000 euros.
A partires de hoxe será máis fácil e máis seguro transitar a pé entre a Xunqueira da Gándara e o parque forestal da Tomba, en Campañó. O concello de Pontevedra inaugurou unha nova senda entre estes dous espazos.
O trazado ten unha lonxitude de 1,8 quilómetros. O proxecto contou cun investimento de 158.000 euros e executouse con cargo aos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino.
Esta senda vén enlazar o parque forestal da Tomba, de 80 hectáreas que foron acondicionadas en colaboración coa comunidade de montes, e a Xunqueira, catalogada como Espazo Natural de Interese Local. Sobre esta última, o alcalde recordou as xestións do goberno local para liberar os terreos.
Agora a empresa adxudicataria ultima pequenos detalles como o remate da colocación da sinalización, que conta con preto de quince paneis indicadores para guiar aos usuarios ata as vistas do parque natural.











