‘Pontevedra, a cidade e a pegada’, o maior proxecto expositivo do concello para repasar a súa historia

[

PONTEVEDRA> ‘Pontevedra, a cidade e a pegada’ é o nome do maior proxecto expositivo impulsado polo concello capitalino. Trátase dunha mostra que pretende analizar a historia máis recente da vila e analizar a pegada que deixa a cidade nos seus habitantes e viceversa. A exposición inaugurarase o 15 de decembro e nela leva traballando un equipo multidisciplinar dende hai máis de seis meses.

Levan xa seis meses traballando pero aínda teremos que agardar outros tantos para ver o resultado. Si coñecemos o nome: ‘Pontevedra, a cidade e a pegada’ e que se trata do maior proxecto expositivo impulsado polo concello.

Para dar forma a esta mostra traballa un equipo multidisciplinar: un docente, dous arquitectos, unha cronista, dous artistas, un cineasta, unha deseñadora gráfica ou o responsable do arquivo municipal. Dirixidos polo deseñador Alfredo Olmedo.

As partes visual e gráfica terán un gran protagonismo nesta mostra, que analizará a historia máis recente de Pontevedra e a pegada que deixa a cidade nos seus habitantes e viceversa. Terá catro eixos: o río, a infancia, as personaxes e as figuras e a arquitectura e o urbanismo. Co foco no século pasado.

Ata quince entidades participarán na exposición, doando material dos seus fondos. Entre eles, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Provincial, Abanca, o instituto Valle Inclán ou do Diario de Pontevedra. Tamén haberá imaxes de particulares.

‘Pontevedra, a cidade e a pegada’ instalarase na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Poderá visitarse entre o 15 de decembro e o 22 de marzo do vindeiro ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí